Este dicionário segue a normativa de mínimos ortográficos, baseando-se nas seguintes duas fontes: · NOVA GRAMÁTICA para a aprendizaxe da língua de Xoán Xosé Costa Casas, Mª dos Anxos González Refoxo, César Carlos Morán Fraga e Xoán Carlos Rábade Castiñeira, editada por Vía Láctea en 1988. · DICIONÁRIO DA LÍNGUA GALEGA de Isaac Alonso Estravís, editado por Sotelo Blanco en 1995. Pode-se achar información en liña sobre esta normativa no site de "La questione de la lingua": http://www.multimania.com/questione/documentos/documentos.html e no site da CIG http://www.galizacig.com/ficheiros/html/normaliza/normaliza.htm A normativa de mínimos ten un espírito conciliador, e admite distintas variantes para unha mesma palabra. Con todo a NOVA GRAMÁTICA da como preferentes algunhas delas, asi na apresentación di: En certas terminacións e ditongos admiten-se como plenamente válidas as duas variantes por seren amabas lexítimas, estimadas, como preferentes por parte da APLL (Asociación de Profesores de Língua e Literatura) aquelas que indicamos en primeiro lugar: -eo / -eio (freo/freio, creo/creio, etc.) -ea / -eia (frea/freia, idea/ideia, etc.) -an / -ao (chan/chao, irmán/irmao, etc.) -e / -en (marxe/marxen, viaxe/viaxen, etc.) -oa / -o (avoa/avó, moa/mó, etc.; máis só) oi(t) / ui(t) (loita/luita, moito/muito, roibo/ruibo[1], etc) O mesmo poderíamos dicer de formas xa gramaticais como ti/tu e imos/vamos. A respeito de outros casos como as terminacións -zón/-ción (nazón/nación), -són/-sión (concisón/concisión), -tón/-tión (dixestón/dixestión) e -xón/-xión (reflexón/reflexión), consideran-se noutro plano diferente aos anteriores, por se tratar agora de escoller entre as formas lexítimas pero social e institucionalmente menos implantadas (-zón, -són, -tón, -xón), e formas propriamente castellanizadas ainda que social e institucionalmente máis empregadas (-ción, -sión, -tión, -xión). Aqui adopta-se como critério o das Normas de 80 aludidas[2]: "recomenda-se a potenciación das formas primeiras [as lexitimas], coas limitacións ou ritmo que aconselle o proceso gradual do ensino e da sensibilidade social". Seguindo estas pautas, decidimo-nos a utilizar as terminacións xenuínas en certas palabras que apresentan unha particular evolución fonética que as afasta da estrutura latina e as aproxima da sua forma romance histórica: eleizón, entoazón, lizón, perfeizón, -uizón (constituizón, contribuizón, distribuizón, etc.) xerazón, etc.; confisón, procisón, profisón. Vexa-se sobre todo isto, o Apéndice 2 do libro, no primeiro apartado das terminacións.[3] [1] Nós seguindo o dicionário antes citado damos por válida: roivo. [2] Fai alusión as "Normas ortográficas do idioma galego", normas ortográficas aprobadas pola consellaria de cultura da xunta preautonómica en 1980. Poden-se consultar en: http://www.multimania.com/questione/documentos/normas_xunta_preautonomica.html [3] Este apéndice pode-se achar tamén no site de "La questione de la lingua": http://www.multimania.com/questione/documentos/cuadro_comparativo.html A flexibilidade da normativa de mínimos non lle acai ben a un corrector ortográfico, e asi non parece coerente que nun mesmo texto o corrector dé por válidas duas, ou mesmo tres, variantes distintas da mesma palabra, por ex. idea e ideia. Por iso nós no noso dicionário só damos por válida unha das posíbeis variantes, seguindo os seguintes critérios: 1) Nas terminacións antes citadas seguimos o critério da APLL, i.e. -eo, -ea, -an, -e, -oa, oi(t) 2) Tamén para as terminacións -zón/-ción, -són/-sión, -tón/-tión e -xón/-xión, pretendemos seguir o critério da APLL. Mais dado que resulta un tanto ambigüo, o critério real que seguimos foi dar por válida a primeira forma que inclui o DICIONÁRIO DA LÍNGUA GALEGA, cando inclui duas, e a forma única cando só inclui unha. Pois cuidamos que os critérios da APLL e do dito dicionário coinciden basicamente, dos exemplos citados anteriormente só dous diferen. Seguindo o DICIONÁRIO demos como válidas as formas procisión e profisión. 3) No caso dos comezos de palabra ca-/cua- e ga-/gua-, seguindo o critério implícito no DICIONÁRIO DA LÍNGUA GALEGA demos por válidas as formas en -ca, -gua. 4) A hora de conxugar os verbos, e cando a NOVA GRAMÁTICA considera válidas duas formas, escollemos a que escreben en primeiro lugar, ex. copio=cópio -> copio, agás no caso da 2ª persoa do plural do presente de imperativo, onde escollemos a segunda fora, ex. xogade=xogai -> xogai 5) Caso de xurdir unha ambigüidade non contemplada nos pontos anteriores escollemos a forma recomendada polo DICIONÁRIO DA LÍNGUA GALEGA Se ben neste dicionário privilexian-se certas formas, @ usuári@ pode modificá-lo para que se axeite aos seus gostos, tal e como se descrebe no ficheiro leme.txt.